A Mesa para o Desenvolvemento Renovable e Industrial de Galicia (MDRIG) quere expresar publicamente o seu apoio á mina de Penouta, en Viana do Bolo, logo da paralización da súa actividade por unha suspensión cautelar do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A MDRIG manifesta a súa solidariedade cos traballadores afectados, así como con toda a comarca.
A explotación leva dous anos funcionando cos permisos regulamentarios, ademais de contar cunha declaración de impacto ambiental (DIA) favorable que se tramitou durante os anos 2020-21; é dicir, posúe todas as garantías ambientais. É un exemplo de boas prácticas.
Traballadores, empresa, organizacións sindicais, asociacións sectoriais, colexios profesionais, veciños e autoridades locais están unidos, sen fisuras, na defensa da mina. Así o teñen manifestado publicamente e declaran a súa enorme preocupación pola decisión de paralización dunha mina que superou todos os procedementos administrativos. Tal como declararon, queren traballar e “non emigrar”.
A nosa Mesa para o Desenvolvemento Renovable e Industrial de Galicia súmase ás demandas e reivindicacións de todas as persoas implicadas, directa e indirectamente. Estamos ante unha resolución xudicial que só valora unha parte e co único argumento de que a actividade da mina pode modificar o entorno, algo que é intrínseco a toda actividade humana. O que hai que ter en conta non é a modificación da contorna, senón a esixente tramitación administrativa que inclúe todas as garantías ambientais que marca a lei para a protección do medio ambiente. Estamos, por tanto, ante unha situación incomprensible, que xera unha enorme inseguridade xurídica, como xa sucede con outros proxectos decisivos para o avance industrial de Galicia.
A mina de Penouta é a única industria relevante nunha comarca envellecida, onde o sector primario non ten peso económico suficiente. Xera traballo estable para 129 persoas, a gran maioría da zona, e beneficia a outras empresas auxiliares. O consumo desas 129 familias alimenta os comercios e a hostalaría, estendendo a cadea de valor.
Ademais, a súa produción de materiais imprescindibles para móbiles e pantallas dixitais é clave no mercado europeo, outorgándolle á mina un longo horizonte sostible e frutífero, que permitirá o mantemento da vida en mellores condicións ao tempo que achega ferramentas para evitar o deterioro económico se poboacional deste territorio da Galicia interior.
Ademais do noso apoio e respaldo á explotación de Penouta, a Mesa lembra que está en xogo o futuro da comarca, igual que o desenvolvemento industrial e enerxético de Galicia. Non podemos quedar nas mans de asociación que negan de xeito sistemático calquera desenvolvemento que vaia encamiñado cara ao progreso sostible, autóctono e viable.
Asociación Eólica de Galicia (EGA)
Asociación de Industrias del Metal y Tecnologías Asociadas de Galicia (ASIME)
Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (CLUERGAL)
Comisións Obreiras Industria de Galicia (C.C.O.O Industria de Galicia)
Confederación de Empresarios de Galicia (CEG)
Federación Gallega de la Construcción (FEGACONS)
Federación de Industria, Construcción y Agro de UGT Galicia (UGT FICA)