–día mundial do medio ambiente–
5 xuño 2021
Sinala que en 2019 as fontes renovables só achegaron un terzo das necesidades enerxéticas
A implantación eólica cumpre vintecinco anos en Galicia, “unha realidade froito do compromiso social, empresarial e político”
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2021 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación Eólica de Galicia (EGA) advirte que á comunidade autónoma aínda lle queda un longo camiño por percorrer para ser autosuficiente. En 2019 Galicia rexistrou un consumo de enerxía de 6.207 toneladas equivalentes de petróleo (tep), mentres que as enerxías renovables só achegaron 2.340 tep; é dicir, o 37,7% das necesidades enerxéticas de Galicia, cifras de fontes oficiais. “Por tanto, as esixencias enerxéticas galegas continúan cubríndose principalmente con combustibles fósiles importados do exterior. Tanto a nivel mundial como galego, a enerxía eólica é un elemento fundamental e imprescindible para lograr un modelo independente, limpo e sostible, podendo loitar así contra as principais ameazas para o medio ambiente, que son a contaminación e o cambio climático”.
En todo caso, EGA advirte que sempre apostou por facer 450-500 MW ao ano, “obxectivo sectorial” que permanece –segundo teima. “O ano pasado instaláronse uns 30 MW e no que vai deste uns 70 que viñan de atrás. Esta é a realidade actual. E de cara ao futuro quereríamos eses 2.500 MW en cinco anos aproximadamente. Isto suporía a creación de cinco mil postos de traballo de calidade, que unidos aos sete mil actuais, suman doce mil. E non esquezamos as doce mil ocupacións que prevé a eólica mariña. Falamos de 24.000 empregos nun escenario de catástrofe económica”, segundo conclúe.
O planeta está chegando rapidamente a extremos irreversibles. Afrontamos unha tripla emerxencia ambiental: a perda de biodiversidade, o cambio climático e o aumento da contaminación. A ciencia nos di que os vindeiros dez anos son a nosa última oportunidade para evitar unha catástrofe climática, mudar a mortífera marea de contaminación e poñer fin á perda de especies. Son advertencias alarmantes da ONU para a celebración do Día Mundial do Medio Ambiente 2021. “Das actividades humanas, a obtención de enerxía é a principal responsable do cambio climático e da emisión de gases contaminantes, polo uso masivo de combustibles fósiles e as súas emisións de efecto invernadoiro. En Galicia, nos últimos doce anos, a eólica evitou 80 millóns de toneladas de CO2, unha cantidade moi relevante”, tal como apostila EGA.
Por outra parte, o sector eólico supón hoxe o 0,9% do PIB galego, cunha achega anual de 600 millóns de euros. En impostos, ingresou nas arcas municipais e autonómicas en 2019 máis de 60 millóns de euros, aos que cómpre sumar outros 57 millóns en concepto de fiscalidade estatal. “Estas magnitudes son o resultado dun camiño iniciado nos anos noventa que hoxe son unha proveitosa realidade –que daquela se antollaba utópica–, froito dun forte compromiso social, empresarial e político. A nosa convivencia co medio rural galego está acreditada por unha historia de éxito de vintecinco anos. Por iso a eólica, ademais de ser parte da recuperación climática, éo tamén da reactivación económica. Estamos a falar de 2.500 millóns de euros de investimento nos vindeiros cinco anos. Ningunha outra industria moverá semellante cantidade de recursos económicos en Galicia”, segundo subliña a entidade representativa do sector eólico.