“Canto máis suba a participación eólica, máis baixará o prezo da luz”, destaca EGA
Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2021 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación Eólica de Galicia (EGA) sinala que, no ano 2020, Galicia xerou 9.992 GWh de enerxía eólica, un 14,9% máis que no anterior (8.698 GWh). A produción incrementouse notablemente en A Coruña e Lugo, provincias onde se instalaron os novos parques en 2019. Este balance representa o 18,2% da xeración eólica total de España (54.897 GWh).
Por outra parte, en canto a enerxía eléctrica producida en 2020, Galicia xerou 24.552 GWh, cantidade que supón unha redución do 1,2% con respecto ao ano anterior. Entre tanto, a eólica representa o 40,7% do total eléctico, mentres que no 2019 fora só do 35%.
“O balance e os datos son reveladores un ano máis. A construción de novos parques, aumentando a potencia instalada, ten un reflexo inmediato de crecemento porcentual significativo na produción eléctrica galega. E, canto máis suba a participación eólica en particular e renovable en xeral, máis crecerá o consumo, de forma que baixará o prezo da luz e a partir dun recurso galego propio e sen dependencia da variabilidade dos combustibles fósiles importados”, segundo explica EGA.
O sector aspira a instalar 2.500 MW novos, cun investimento de 2.000 millóns de euros e a creación de 5.000 empregos nos vindeiro cinco anos; un prazo no que tamén se prevé un “equilibrio pleno” entre produción e consumo renovable.
O desenvolvemento tecnolóxico do sector éolico nos últimos anos permitiu que a enerxía eólica, ademais de limpa, é a máis barata. O vindeiro paso é que os sistemas de almacenamento sexan cada vez máis eficientes, cualidade que favorecerá o derrubamento da última barreira: dispór de enerxía eólica, limpa e barata, mesmo cando non sopre o vento.
Resumo histórico refinado por provincias.-